O acto conmemorativo do Día da Economía Social Galega, celebrado na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela este mércores, reuniu a representantes institucionais, autonómicos e nacionais, e do sector da economía social.
A xornalista Patricia F. Santana, presentadora do evento deu a benvida a todos os presentes a “unha xornada para buscar sinerxías, para buscar recoñecemento e visualización de todo o traballo feito por e para a economía social”. Para amenizar a mañá seguiu un pequeno pase musical da artista coruñesa Silvia Penide.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana foi a encargada de inaugurar a xornada, en substitución do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo que estivo ausente “por unha indisposición”. Lorenzana trasladou aos presentes que, sen a contribución de entidades como as cooperativas, as sociedades laborais e os centros especiais de emprego, o mundo “sería, sinxelamente, un pouco peor”. E isto é así porque “a economía social é a economía dos valores, da solidariedade e da igualdade”, engadindo que fronte ás diferentes crises a economía social “resiste e medra”, grazas a que “poñen ás persoas no centro” da súa actividade.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, interveu na conmemoración, defendendo a importancia da riqueza que xeran no ámbito da igualdade, da inclusión e da solidariedade as 7.000 entidades, cooperativas e centros especiais de emprego e empresas de inserción laboral que existen en Galicia.
O titular do executivo galego desagregou un paquete de iniciativas incluídas nos orzamentos para fortalecer o tecido da economía social, destacando que a comunidade “incrementa nun 21% os fondos destinados a este ecosistema cunha partida de 42 millóns de euros”. Tamén apuntou ao aumento nun 6,5% dos fondos para potenciar iniciativas como a Rede Eusumo de cooperativismo, o programa E-Próxima e o selo de Economía Social de Galicia. E referiuse aos 10 millóns de euros dirixidos a contratar desempregados a través do programa Aprol Economía; a aceleradora de proxectos ES-Factory; ou o Bono Economía Social para propiciar a dixitalización e eficiencia enerxética.
Rueda tamén adiantou que a Xunta de Galicia está a preparar o ecosistema social para os retos do futuro a través da Estratexia da Economía Social 2022-2026, na que anunciou que xa se está traballando para potenciar a creación de empresas e cooperativas.
O mandatario galego enxalzou a importancia da riqueza que xeran no ámbito da igualdade, da inclusión e da solidariedade as entidades da Economía Social. Así mesmo, estableceu un paralelismo entre ES e o Camiño de Santiago, debido a que ambos teñen en común “a solidariedade, a igualdade e o compromiso”, ademais desa “raíz humana” que fai que todo non se reduza “a un balance de simples cifras”. Reivindicou así a importancia de defender desde as administracións públicas a un sector que sempre está “ao lado dos máis necesitados”.
A xornada continuou coa mesa redonda ‘Economía Social: singularidades e sinerxías no territorio’, moderada pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e conformada polo director xeral de Economía Social, Terceiro Sector e Cooperativas da Generalitat de Cataluña, Josep Vidal i Fábrega; o director xeral de Economía Social do Goberno Vasco, Joking Díaz Arsuaga; a viceconsejera de Emprego , Empresa e Traballo Autónomo da Junta de Andalucía, Beatriz Barranco Montes; o conselleiro de Industria, Comercio e Emprego da Junta de Castilla y León, Mariano Veganzones Díez; e a directora xeral do Traballo Autónomo, da Economía Social e da RSE do Goberno, Maravillas Espín Sáez.
Esta mesa serviu para visualizar o estado da Economía Social noutras comunidades autónomas. Nela, Espín animou ao sector para “seguir xerando benestar para toda a cidadanía” porque a economía social “é un sector tractor por axudar a abordar as brechas existentes, facer fronte á emerxencia climática e que nos permite superar as ineficiencias do sector económico.”
A segunda mesa redonda, moderada polo presidente de Foroesgal, Celso Gándara, contou coa directora xeral do grupo empresarial Galega de Economía Social, Rosa Gutiérrez; o responsable comercial e de desenvolvemento estratéxico de Fiare Banca Ética, Juan Garibi; e a directora de CEPES, Carmen Comos. Esta mesa abordaba as oportunidades de crecemento da economía social e nela tiveron especial relevancia o cambio climático, a dixitalización ou a necesidade de certezas no ámbito financeiro.
“Déronse importantes pasos, pero segue sendo necesario que as administracións aposten de forma clara por un sector como é o da economía social que xera emprego de calidade e que destacou pola súa resiliencia en tempos de crises”, indicou Gándara, presidente do ForoesGal. Igualmente, considera que é hora de activar políticas de apoio ao emprendemento colectivo, orientadas a impulsar sectores como o dos coidados, a xestión de residuos ou a enerxía, onde as empresas de economía social galegas xa son punteiras pero é necesario que as administracións colaboren para que sigan medrando. O presidente de ForoEsGal tamén se referiu á Lei de Contratos do Sector Público e pediu ás Administracións locais que cumpran coa reserva de carga de traballo para os centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, cuxos porcentaxes actuais están lonxe do que marca a norma de 2018.
Dar visibilidade á economía social centraba a terceira mesa redonda da mañá moderada pola xornalista, Irene Lourido, e na que participaron o director de cinema, Oliver Laxe, e o xerente da cooperativa A Carqueixa, Román Sánchez. Nela compartiron o proceso de creación e impacto da campaña ‘Gandeiría Heroica’ que daba voz aos gandeiros dos Ancares, achegando a súa realidade, transmitindo os seus valores e fomentando a autoestima a través da reivindicación cultural.
As persoas participantes tamén tiveron ocasión de unirse aos grupos de traballo sobre os eixos estratéxicos para a Economía Social: Economía dos coidados xestionado por CEGASAL, Agroalimentación e produtos locais xestionado por AGACA, Economía Circular e xestión de residuos xestionado por AEIGA, Comunidades enerxéticas xestionado por COOP57 Galicia e Industrias culturais xestionado por EspazoCoop. A posta en común das conclusións realizouse no auditorio e foron ilustradas en directo pola artista Renata Otero.
A xornada tamén acolleu un showcooking con produtos locais de cooperativas agroalimentarias, a cargo da cociñeira Lucía Freitas, e a actuación musical de Zeltia Irevire.